Horizontes de ruptura

Atravesamos un presente turbulento. Parece que só o perigo asoma, pero somos quen de imaxinar un horizonte porque aínda somos quen de falar. Das conversas, dos debates, quedan murmurios: escoitase o futuro no que é común.

Ana Pardo De Vera e Belén Fernández Suárez, as voces que rompen os pactos.

Fin da era Rajoy

O novo goberno deu comezo en período estival, e foi posible na medida en que Sánchez obtivo apoio na moción de censura unha vez denunciou os poderes fáticos que o presionaban e á urxencia de botar do poder a corrupción. Pero preséntanse aínda no outono cheo de interrogantes. As dúbidas ameazan o seu mandato, pois non foi capaz de formar un goberno de coalición e as posibilidades derivadas desta circunstancia son limitadas nun momento no que semella, os gobernos en maioría absoluta deixaron de existir. Que peso terá Unidos-Podemos á hora de escorar as medidas que se tomen cara á esquerda? E a decisión de non incluír as súas esixencias nos orzamentos, anuladas no canto de xestos? Cun ollo no Estado español e outro na política internacional, figuras como a de Sanders, apartado polo establishment do seu partido, ou as socialdemocracias falladas de toda Europa, fan presaxiar que Sánchez deberá resolver en que posición está, se co neoliberalismo ou coas políticas de igualdade social. De Sánchez depende agora romper coas hipotecas do pasado ―a Transición; do presente ―a UE ou o 155; as presións territoriais… A socialdemocracia está morta, demostrárono gobernos de toda Europa. Pretender resucitala é un erro.

A cantos titubeos máis está a dereita de facerse co corpo social?

O movemento feminista

É obvio que o feminismo se abriu paso nas rúas e na axenda política, pero non é de estrañar, non é algo novo. A súa forza ten que ver con ser un dos movementos de emancipación máis lonxevos, así como a súa capacidade para articular diferentes loitas baixo un mesmo eixo de opresión, que o fai facilmente internacional, así como a súa capacidade para incorporar as críticas. O feminismo ten apoiado todo tipo de loitas e de feito, é a única forza actual que está plantando cara ás iniciativas de extrema dereita: entende que estas propostas reaccionarias son contrarias aos propios dereitos das mulleres. Aínda así, existe un problema de dixestión por parte de certas estruturas políticas moi patriarcais que non saben cómo asumir estas demandas, que só serán posibles se poñemos no centro a sustentabilidade da vida.

É certo que queda moito por facer. Pese a que hai un antes e un despois da folga do 8M, debemos estar sempre vixiantes, xa que desmontar as estruturas do patriarcado supón apostar pola educación. Se esta non asume a igualdade, o demais non servirá de nada.

Tamén resulta paradoxo observar que o movemento feminista está sendo aproveitado pola dereita, dándolle a volta e converténdoo en algo negativo. Veno como un ataque aos cimentos da sociedade, e así é, porque esta é patriarcal. Canto maiores son os logros, máis furibunda a resposta: imos por bo camiño pero non debemos baixar a garda.

O feminismo, o voto feminino, é realmente o que ten capacidade de cambiar gobernos e a forma de pensar. Ademais, lembramos que un goberno debe ser de maioría feminista, non só feminina, é isto vese coas políticas, non con fotos nas escalinatas da Moncloa.

Identidades

A día de hoxe está ben presente o debate que xa tiveran Butler e Fraser, o debate entre recoñecemento e redistribución. Incluso Fraser ten falado dese neoliberalismo progresista ―a alianza entre movementos sociais coas forzas do capitalismo cognitivo. Cando as esquerdas perden os gobernos nas décadas dos 80 e dos 90 e o neoliberalismo gaña poder, as primeiras responden coa posición Tony Blair, na que non se racha coas bases argumentais do neoliberalismo: abandonan a redistribución e quedan só coas políticas identitarias. Se o desmenuzamos un pouco, vemos que os máis damnificados pola crise son as mulleres, os xóvenes, a poboación inmigrante… esa é a diversidade dos colectivos afectados.

No caso do Estado español, nesta deconstrución do sistema conflúen a Transición, as elites franquistas, as esquerdas que non o eran, a desigualdade das mulleres, as diversas identidades territoriais… Está o exemplo da política de maquillaxe de Zapatero, que aínda que fixo xestos, actuou exactamente igual que o PP no económico, cedendo a soberanía á Unión Europea e ao Banco Central Europeo.

A esquerda é políticas de igualdade, é por iso que o feminismo é inherente a unha ideoloxía de esquerda, pois quere cambiar a realidade desigual.

Alguén do público di ao final do acto “por que iso transversal, que é o traballo e que nos afecta a todos, non nos mobiliza?

A extrema dereita

As protestas xurdidas arredor do globo na primavera árabe, no 15M ou no Occuppy Wall Street, non tiveron unha traslación total e aínda que houbo un efecto, non foi como nos gustaría. Syriza é o exemplo, o intento de ruptura coas políticas neoliberais que foi aplacada pola Unión Europea. A mensaxe é clara “por esa nova esquerda, non.” A partir de aí, hai unha serie de elementos que xa estaban ―o novo é que están accedendo ao poder― e que se resisten a admitir segundo que cambios derivados da propia globalización. Lanzan outra mensaxe: entre as dereitas tradicionais ou estas, deixando fóra que agromen outras opcións.

A falta de alternativas é o panorama no que medran estas ideas: ante as socialdemocracias fallidas, onde a Unión Europea alimentou este fascismo. Compre lembrar que estes comportamentos non son novos e xorden sempre en momentos de crise económica, son a reacción da xente descontenta que defende a súa individualidade contra o resto. Ademais, as promesas que fan baséanse en premisas falsas.

Ou a esquerda esperta, ou non hai alternativa. Non frente a socialdemocracia morta e a ultradereita

Medios de comunicación

Sen dúbida existe unha crise de credibilidade dos medios. As noticias falsas, por exemplo, teñen unha gran repercusión e os danos que crean chegan moi lonxe. Pero por este mesmo motivo, a xente desconfía de calquera información recibida.

Noutro sentido, agora que son os medios independentes os que están a destapar os grandes escándalos, e están sendo silenciados polos xigantes, as redes sociais xogan un papel crucial para espallar o xornalismo de calidade. E é que resulta moi difícil facer un xornalismo libre cando os medios de comunicación dependen de grandes empresas. Isto é grave xa que o xornalismo é a profesión que garante o dereito democrático á información. Sen un xornalismo que escape ás interferencias do poder, este dereito non se garante.

A cidadanía debe, polo tanto, esixir un xornalismo libre. Pero non só a cidadanía: tamén os xornalistas precisan leis que lles permitan defender que é xornalismo e que non, independetemente de quen goberne.

Un xornalismo desde o intersticio, que poña en cuestión a evidencia das relacións entre as palabras e as cousas, entre o consenso e o rexeitamento.

A monarquía e/é o 155

Nunha institución nada espontánea, a abdicación de Juan Carlos quixo afianzar a Coroa nun momento de pouca popularidade e de perigo para o réxime. Garantiu así certa estabilidade, pero o cuestionamento é constante. Nesta inoperancia que a caracteriza, Felipe VI decidiu facer de Rajoy o 3 de outubro do ano pasado: foi o seu intento de lexitimación ante a dereita, o seu 23F. O apoio á monarquía é diferente segundo os territorios e no cuestionamento do seu papel conseguiu arrouparse na defensa da unidade do estado. Pero mercou o discurso da maioría silenciosa e perdeu, a xente votou e volveu gañar o independentismo. Desde aquela, non volveu intentar nada similar.

A monarquía é antidemocrática en esencia.

E iso foi o que defendeu: a unidade dun estado que se apuntala no non poder votar, na aplicación do 155 ou a subtracción da soberanía, que é poder decidir, que é a democracia.

Municipalismos

Os gobernos locais preséntanse como panca de resistencia e de cambio, son o lugar desde o cal contrarrestar as políticas neoliberais e de extrema dereita. Temos o exemplo das ‘cidades santuario’, cidades que en Estados Unidos están a desobedecer a lexislación de Trump, e non falamos de sitios pequenos. Chicago, por exemplo, é unha delas.

Pero, que ten a cidadanía como prioridades? Existen pulsións partidarias con respecto ás expectativas, e debemos valorar que é un bo goberno, analizar o que se ten feito para seguir avanzando.

Non hai que olvidar que o activismo, cuxo relato sempre vai por diante dos partidos, é necesario. Pero gobernar é outra cousa: os poderes queren destruír calquera iniciativa de cambio, enfrentáronse a Lei Montoro… en definitiva, precisan máis tempo. Pero debemos ser optimistas, porque ata a dereita xa está copiando o modelo, eis a candidatura de Manuel Valls: a opción de aglutinar a diversidade, sen siglas, semella ser a mellor opción. O feito é que obtiveron mellores resultados que presentándose por separado.

Aínda así, non debemos abandonar a mobilización social, pois non imos ter nunca nada se dependemos dos que gobernan, incluída a oposición.

Miremos para as rúas, ou dentro das casas. Ten esta xeración un destino que celebrar? Os cambios que cheguen sairán de ti, de nós, de quen teñamos vontade de cambiar.

Galería de fotos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *