Magosto 2018- Magosto diverso na Agra do Orzán

O 9 de novembro de 2018 celebramos o #magostodiverso no barrio da Agra do Orzán. Na Asociación M queremos facer cidade, facer barrio e facer comunidade. Para iso contactamos con múltiples asociacións e colectivos activos do barrio, sendo invitadas a participar e festexar todas xuntas organizacións como: Equus Zebra, Viraventos, Centro Tomás Barros, Ecodesarrollo Gaia, Yarama África, Mamá Africa, Agra Humanista, SOS Racismo Galicia, Restaurante Peruano Margarita, Danzalia Mundi, Asociación África Universal, AAVV Agra, AAVV Ventorrillo, AAVV Mariñeiros, Asociación Área Comercial Ás Conchiñas, Asociación Comercial Rúa Barcelona, Manicómicos, etc.

Antes de todo iso había que apañar as castañas, e non había mellor xeito de facelo que ir nós mesmas a apañalas coas compañeiras de Millo e Landras, unha granxa ecolóxica situada no municipio de Vilasantar, que traballa respectuosamente coa natureza. Apañar castañas coas nosas propias mans á vez que mantemos bonitos proxectos no rural. Finalmente foi unha xornada máis dura do esperado pola choiva. Baixo o abrigo de vellos castaños recollimos os ourizos dos que máis tarde, xa na casa de Millo e Landras a cuberto, apañamos as castañas para o magosto. Non houbo máis que triscar as castañas o día anterior para ter todo listo para o Magosto Diverso!

Tamén era día de tormenta o venres 9, pero estaba todo previsto. As castañas comezaron a asarse baixo unha carpa preparada por se chovía, e coa colaboración da S.D. Sporting Ciudad, o evento celebrouse no interior do seu amplo e versátil centro social. E mentres chegaban as primeiras castañas preparábamos o equipo de son para escoitar ao cantante peruano Ricardo Flores, que nos deleitou a todas coas súas rítmicas e animadas cancións peruanas. Pouco a pouco foron incorporándose novos músicos, saxo, acordeón, gaita, guitarra e percusións, mesturando cancións peruanas con música galega e improvisando unha magnífica festa que durou varias horas.

Foi unha festa bonita, na que puidemos charlar con moita xente, coñecernos e divertirnos xuntas. Que a festa continúe, vémonos na próxima!

Galería de fotos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *