Sobre M

M de movemento.

M dos 15 de maio e dos 8 de marzo. M dese municipalismo que sabe que as mudanzas deben vir desde abaixo e en común.

A asociación M nace como un colectivo de reflexión, debate e mobilización en torno ao municipalismo. O municipalismo entendido como unha das ferramentas coas que contamos para radicalizar a toma de decisións e devolver cotas de poder ás maiorías golpeadas por esta estafa que chaman crise e que hoxe se presenta de novo con toda a súa violencia.

Porque sabemos que só desde os nosos barrios, as nosas vilas e as nosas aldeas podemos construír as alternativas que confronten o neoliberalismo que atenta contra a vida, o fascismo que ataca a diversidade nas nosas rúas, e o patriarcado que vulnera os nosos dereitos, os da metade da veciñanza.

Porque só entre todas seremos quen de construír realidades máis xustas, humanas e sostibles.

Que é M?

M é un espazo para a reflexión crítica sobre o público e o común, para debater sobre os vellos e os novos conflitos urbanos na Coruña, en Galicia, en Europa.

M é unha ferramenta de análise de experiencias, sistematización de aprendizaxes, e exploración de imaxinarios no deseño dun novo mapa da cidade posible.

M é, tamén, unha canle de información sobre a construción de soberanías locais e a implementación de democracias radicais desde a perspectiva do municipalismo transformador.

Para facer isto queremos acompañarnos daqueles colectivos e persoas que desde os barrios están a construír unha cidade máis solidaria e diversa, tecendo redes de apoio mutuo e desenvolvendo espazos de vida e democracia.